→ L’article en ligne : www.acuartaparede.com/s8-m...
→ Le document au format pdf
O (S8) Mostra de Cinema Periférico sempre se caracterizou por unha programación que, na liña das propostas de vangarda que proxecta, privilexia o concepto. Tamén se ten xa instaurado coma o festival de España que máis coida o celuloide nas proxeccións, sendo fiel á materialidade do cinema coa que xogan os cineastas convidados. O que se lle ten criticado precisamente dende algúns sectores é que estea tan ligado ao formato, deixando de lado o cinema experimental que usa técnicas dixitais. Estes críticos non recordan que Takashi Makino trouxo as súas performance multicapa hai dous anos á Coruña. Na edición anterior, Ken Jacobs deu tamén mostra de diversas técnicas por ordenador, e desta volta foi Jacques Perconte quen puxo o acento sobre a arte de síntese cunha instalación comisariada por Gonzalo E. Veloso e a súa performance Extension sauvage. Polo tanto, pode falarse dunha evolución e maior inclusión do (S8) dos formatos nos últimos tempos. O cinema expandido, baixo o nome de Desbordamentos, é outro dos elementos identitarios dun festival que funciona cada ano como unha partitura musical. Hai distintas modulacións dun mesmo fío condutor, pero este mantense intacto.
Se nas primeiras edicións o (S8) mostrou as bases do estado do cinema experimental hoxe no mundo, traendo a Galicia a varias lendas do xénero como Guy Sherwin ou Peter Kubelka; e nas tres anteriores edicións decidiu dar boa conta do cinema de vangarda de Arxentina, Xapón e Brasil, establecendo un preciso diálogo entre xeracións; nesta ocasión inaugurou unha nova etapa (como unha terceira lexislatura na historia da mostra) na que o concepto en torno a un modo de ver o cinema articulou toda a programación. De ter seguido o modelo de anos anteriores, o número de canadianos podía ter case xustificado unha edición do país, pero o (S8) deu moito máis e, en certo sentido, flexibilizouse.
Baixo o título de “Os novos impresionistas”, a edición inaugurouse no Teatro Rosalía con O acorazado Potemkin (Sergei M. Eisenstein, 1925) musicalizado en directo, aínda que a nivel conceptual o pistoletazo de saída deuno a sesión titulada “La internacional impresionista”. Sen querer establecer movemento algún (ou se cadra con certa sorna cara estas etiquetas) os programadores do (S8) xuntaron un grupo de pezas dos tres últimos anos que tiñan en común a súa percepción impresionista do mundo, con técnicas que dan unha estética similar á de Monet e compañía e normalmente con motivos naturais. O flou fotográfico dos primeiros paisaxistas substituíase aquí por superposicións construídas en cámara, por exemplo, que difuminaban o percorrido por un camiño que leva a un lago. Esta podería ser a descrición de Brouillard – Passage#14 (Alexandre Larose, Canadá, 2014), a gran peza dunha sesión espectacular, na que non sobraba nin un minuto. Aquí apréciase a importancia do celuloide. Coñeciamos esta peza en dixital, pero a textura lograda pola película, a súa profundidade e o nivel de detalle das cores, non é comparable coa boa copia en DCP que circula por aí.
Nesta sesión, vellos coñecidos do festival como Jodie Mack, que trouxo Something Between Us (EUA, 2015) ou Pablo Mazzolo con Fish Point (Arxentina, 2015). Se ben o arxentino parece manterse fiel ás súas constantes pictóricas de tonos baixos, Mack esquece por un momento a animación para filmar unha peza que difumina en detalle obxectos cotiás e minúsculos, máis na liña das experimentacións que xa fixera antes co 3D.
Entre os grandes nomes, recuperaron Short (Robert Todd, EUA, 2013), clásico exercicio de xogo co diafragma, no que o estadounidense consegue chegar a graos de abstración límite na filmación de figuras xeométricas comúns como vaias, porches ou ventás. A sesión pechouse con Save my Heart From the World (Jacques Perconte, Francia, 2016), que realiza un percorrido da figuración á abstracción cun barco que sofre unha tormenta con métodos de glitch art (descomposición da imaxe dixital). A montaxe musical recorda á do seu compatriota Jean-Gabriel Périot, aínda que sen a súa carga política. Porén, o preciosista resultado que o galo logra con estas técnicas de compresión e descompresión da imaxe, rompendo as cores, fundindo capas, engadindo píxeles, é dunha beleza incuestionable. Demostrouno tamén na súa instalación “Luzarches. Impression of Time Compensation” e na performance con Eddie Ladoire Extension sauvage, erixíndose como unha das figuras máis relevantes do festival.
[...]